Georges Bizet

Bizet gañou varios premios ao longo da súa brillante carreira como estudante no Conservatorio de París, incluíndo o prestixioso Prix de Rome en 1857. Foi recoñecido como un pianista excepcional, aínda que preferiu non aproveitar a súa habilidade e en raras ocasións tocou en público. Logo de regresar a París tras pasar case tres anos en Italia, deuse conta de que nos principais teatros de ópera parisienses preferíase interpretar o repertorio clásico máis arraigado antes que as obras de novos compositores. As súas composicións orquestrais e para teclado foron do mesmo xeito ignoradas na súa gran maioría, o que estancou a súa carreira, polo que tivo que gañarse a vida principalmente mediante arranxos e transcricións da música doutros. Na súa procura do ansiado éxito, comezou varios proxectos teatrais durante a década de 1860, moitos dos cales abandonou. Ningunha das dúas óperas que se chegaron a poñer en escena —''Les Pêcheurs de Perles'' e ''La jolie fille de Perth''— tiveron éxito de inmediato.
Logo da guerra franco-prusiana de 1870–71, na que Bizet serviu na Garda Nacional, tivo algo de éxito coa súa ópera nun acto ''Djamileh'', aínda que a suite orquestral derivada da súa música incidental da peza teatral ''L'Arlésienne'' de Alphonse Daudet tivo un éxito instantáneo. A produción da última ópera de Bizet, ''Carmen'', foi atrasada debido ao medo de que os seus temas de traizón e asasinato puideran ofender a audiencia. Despois da súa estrea o 3 de marzo de 1875, Bizet estaba convencido de que a obra ía ser un fracaso; morreu dun ataque ao corazón tres meses máis tarde, sen saber que resultaría un éxito espectacular e duradeiro.
O matrimonio de Bizet con Geneviève Halévy foi feliz de xeito intermitente e froito do cal tiveron un fillo. Logo da súa morte, as súas composicións, agás ''Carmen'', estiveron en xeral desatendidas. Regaláronse ou perdéronse os manuscritos e as versións publicadas das súas obras frecuentemente eran revisadas e adaptadas por terceiros. Non creou escola nin tivo discípulos nin sucesores evidentes. Tras anos de abandono, as súas obras comezáronse a interpretar de novo con máis frecuencia no século XX. Críticos posteriores proclamárono como un compositor de gran brillantez e orixinalidade cuxa morte prematura significou unha gran perda para a música teatral francesa. Veröffentlicht in Wikipedia
-
1
-
2
-
3